PRINCIPIOS ORGANIZATIVOS
- Asembleas soberanas no seu ámbito local e que se confederan con vocación de permanencia para ser un actor político nacional.
- Asemblearismo entendido como a participación directa e indelegábel (collen aquí formas de referendo mediante as TIC para consultas), nas grandes decisións e na elección dos órganos de coordinación e/ou executivos nacionais así como eventuais candidaturas.
- Aceptación dun código ético partillado.
- Os órganos nacionais estarán sometidos a revogabilidade e a elección, que se tentará facer en primeira instancia por consenso, será aberta á presentación de calquera militante e cun sistema proporcional puro ou mediante listas abertas.
- Os órganos de dirección/coordinación en calquera ámbito non poden ter unha participación de calquera dos xéneros superior ao 60%.
- Estas decisións fundacionais, PRINCIPIOS ORGANIZATIVOS E ESTATUTOS, só poderán ser modificadas en Asemblea Nacional e por unha maioría cualificada de 2/3.
ESTATUTOS
TÍTULO PRELIMINAR
A nova organización denominarase Anova – Irmandade Nacionalista.
1. AFILIACIÓN, DEREITOS E DEBERES
Artigo 1.- Ten dereito a ser afiliado/a toda persoa que así o desexe e que se comprometa a respectar as normas e principios de funcionamento e actuación democraticamente adoptados pola organización. A afiliación e integración é de carácter exclusivamente individual.
O órgano competente para aceptar unha petición de alta na organización é a Asemblea de Base correspondente. Un acordo rexeitando unha petición de alta deberá ser razoado. Alén diso poderá ser recorrido diante da Coordinadora Nacional.
Artigo 2.- Toda persoa afiliada terá dereito a:
a.- Expresar libremente – sexa de xeito individual ou colectivo – as súas opinións dentro da organización, e publicamente como persoa afiliada.
b.- Elixir, ser elixida e formular propostas de revogación nos distintos órganos, cos procedementos contemplados nestes Estatutos.
c.- Participar e votar en todas e cantas situacións afecten á vida organizativa segundo os mecanismos estabelecidos nos presentes Estatutos.
d.- Utilizar o material, locais e demais servizos que se poidan crear e ofrecer para os fins e actividades propias da Organización.
e.- Recibir, en caso necesario, defensa, asesoría e apoio solidario en toda situación problemática que se derive ou relacione coa súa pertenza e actividade a prol ou en nome da
organización.
f.- Participar na proposta, planificación, elaboración, control e execución das distintas actividades que se realicen.
g.- Recibir información detallada sobre todos os aspectos da vida e xestión da organización.
h.- Discrepar publicamente dos acordos maioritarios.
I.- Impugnar os acordos que estime contrarios aos principios ético- políticos, organizativos e estatutarios da organización.
Artigo 3.- As persoas afiliadas teñen o deber de:
a.- Observar os presentes Estatutos e actuar conforme aos principios organizativos e políticos democraticamente adoptados.
b.- Cotizar a cota estabelecida e velar polo mantemento e conservación dos bens da organización.
c.- Colaborar activamente no cumprimento dos principios e obxectivos da organización, asistindo ás xuntanzas e actividades da mesma.
d.- Cumprir os acordos lexitimamente adoptados pola organización. Na Acción Institucional os acordos serán vencellantes. Na Acción Social, serán só orientacións. Os membros da organización terán autonomía para modular os acordos adaptándoos á realidade dos movementos sociais nos que interveñan.
e.- Todos o órganos – e os afiliados e afiliadas en canto tais – empregarán exclusivamente a lingua galega agás para aquelas actividades e comunicados a desenvolver fóra do país. Dos
medios de comunicación galegos esixirán que se publique no noso idioma – conforme á manifestación orixinal – a transcrición das súas palabras, a fin de garantir o dereito á propia imaxe. Caso de non ser aceptada esta condición, deberase avisar ao medio de que carece de permiso para publicala traducida, e se non fose respectado o dereito á propia imaxe, o órgano ou afiliado concernido deberá facer pública protesta e denuncia. Asimesmo, na súa vida cotiá, afiliadas e afiliados deberán facer o maior esforzo pola normalización do uso da lingua galega.
Artigo 4.- A condición de afiliada ou afiliado pérdese
a.- Por expresa vontade de quen así o desexe, manifestada por escrito.
b.- Por falta inxustificada no pagamento das cotas durante tres períodos de cotización, previo apercibimento por escrito cun mínimo de quince días de antelación.
c.- Pola inobservancia dos presentes Estatutos ou dos acordos democraticamente adoptados. Neste último caso, deberá mediar sempre o correspondente proceso contraditorio de instrución de expediente que ampare os dereitos das persoas implicadas, agás para as medidas cautela establecidas nos Principios Ético-Políticos.
2. ESTRUTURA E ORGANIZACIÓN TERRITORIAL
Artigo 5.- O noso ámbito territorial é a nación galega, sen renuncia a participar e intervir en todo aqueloutra instancia política e administrativa en que poidan estar en xogo, nun momento dado, os intereses de Galiza como pobo.
Artigo 6.- O novo referente político organízase territorialmente en catro grandes ámbitos: local,comarcal, nacional e a diáspora. Por local enténdese aquelas asembleas de base de ámbito parroquial, de barrio, municipal ou intermunicipal.
No ámbito local as asembleas soberanas autoorganízanse e coordínanse con total autonomía, sempre que respecten os principios políticos, organizativos e éticos do novo referente político.
Poderán asistir ás asembleas locais persoas colaboradoras e simpatizantes, con voz pero sen voto, do xeito que se regule por cada convocatoria.
Artigo 7.- A asemblea nacional é o máximo órgano e está formada pola totalidade das persoas afiliadas. Entre os seus fins está definir a liña política e as actividades da organización no seu ámbito e reunirase ordinariamente cada dous anos. “Con carácter extraordinario reunirase por
petición dun 35% da coordinadora, dun 35% das asembleas comarcais ou dun 35% da afiliación”.
As decisións no seu seo tenderán a tomarse por consenso, mais, de non ser posíbel,tomaranse por maioría das persoas presentes, agás para aquelas cuestións que requiran maioría cualificadas.
Poderán asistir ás asembleas nacionais persoas colaboradoras e simpatizantes con voz pero sen voto do xeito que se regule para cada convocatoria.
Artigo 8.- Coordinadora Nacional. Como órgano colexiado con funcións de dirección política no período inter-asembleario elixirase unha Coordinadora Nacional integrada por persoas
elixidas directamente na Asemblea Nacional en número de entre 50 e 75, garantindo a axeitada representación territorial.
Ás persoas elixidas directamente na asemblea nacional engadirase un representante por comarca do xeito e coas condicións que se establezan nun prazo máximo de seis meses previa elaboración dun mapa comarcal e previa consulta coa afiliación.
Para as funcións técnico executivas a Coordinadora Nacional poderá comisionar de entre os seus membros e para tarefas concretas a persoas que colexiadamente funcionarán a xeito de comisión permanente sen máis competencias que as que lle delegue a Coordinadora Nacional diante da que en todo caso responderán.
Artigo 9.- As Coordinadoras son o órgano coordinador e executor dos acordos do seu respectivo nivel asemblear. A súa asemblea de referencia decidirá o número de persoas que a compoñen e os seus cometidos concretos.
Artigo 10.- Dentro da organización, en todos e cada un dos niveis, poderán constituírse roldas ou grupos de traballo con finalidades puntuais e concretas, por un período determinado, ou con vocación de permanencia, como ferramentas para o deseño das liñas mestras da acción social e institucional do novo referente político. Desenvolveranse baixo os mesmos principios que presiden o conxunto da organización, tendo carácter deliberativo e propositivo. Como norma xeral os grupos de traballo será abertos nas condicións que se estableza para cada caso.
3. SISTEMA DE ELECCIÓN DE RESPONSABILIDADES A TODOS OS NIVEIS
Artigo 11.- A elección de toda caste de representantes dentro da organización será, de non existir asentimento, aberta á presentación de calquera militante e cun sistema proporcional puro ou mediante listas abertas.
Toda persoa afiliada que estea ao día nos seus deberes como tal ten dereito a apresentar a súa candidatura e a participar nas votacións.
Artigo 12.- Partindo de que o desexábel nun proceso constituínte é o consenso e abertos a contemplar outras fórmulas de elección para o futuro, a elección dos órganos nacionais, coordinadora nacional e comisión ética e de garantías, elixiranse en listas abertas onde o votante poderá escoller unha lista completa ou riscar persoas de distintas listas. A Coordinadora Provisoria a traveso dunha comisión fará unha proposta de listas completa do máis amplo consenso posíbel para propoñer á asemblea constituínte. Porén calquera outra persoa ou grupo de persoas poderán candidatarse libremente co único requisito de estaren inscritos como asembleístas.
Artigo 13.- Todas as persoas elixidas para o desempeño de determinada responsabilidade dentro da organización, sexa no nivel que for, poderán ser obxecto de revogación dentro dos
propios órganos facultados para elixilas.
Para que se proceda á revogación será preciso un quórum de 2/3 en todos os casos. Para votar unha proposta de revogación será preciso que esta estea incluída na orde do día da convocatoria do órgano ou asemblea correspondente e que exista informe por escrito en que se substancien as razóns da proposta de revogación. Para que a revogación sexa efectiva será preciso que esta sexa aprobada pola maioría das persoas asistentes ou por un número igual á metade máis unha das persoas de pleno dereito da asemblea correspondente.
Todas as persoas elixidas dentro da organización, para o desempeño á de determinada responsabilidade, estarán sometidas a limitación temporal do seu posto de responsabilidade, tanto no nivel organizativo interno como representativo. As condicións da temporalidade regularase nunha próxima asemblea nacional.
4. DA COMISIÓN ÉTICA E DE GARANTÍAS
Artigo 14.- Terá as funcións que se lle atribúen nos Principios Ético-Políticos e as de atender calquera reclamación das persoas ou instancias da organización que afecten a aspectos internos da mesma. Nese sentido, deberá garantir que as decisións orgánicas estean na liña marcada pola Asemblea Nacional e os Estatutos e deixar constancia das anormalidades que detecte ou das que reciba denuncia.
A Comisión de Garantías será elixida pola Asemblea Nacional e renovada na seguinte. As súas decisións adoptaranse pola maioría dos seus membros. Estará composta por cinco persoas que non poderán formar parte de ningún outro órgano da organización. Esta comisión poderá solicitar, se é o caso, o asesoramento xurídico oportuno. As súas resolucións serán de obrigado cumprimento e acatamento polas partes afectadas, aínda que recorríbeis, en derradeira instancia, perante a seguinte Asemblea Nacional.
Sem comentários:
Enviar um comentário