Principios Políticos

 Quen somos?

 Persoas de diversa procedencia coincidimos na necesidade de recuperar a dignidade dunha acción política baseada na radicalidade democrática; nos principios republicanos de igualdade, liberdade, fraternidade e laicidade; na conciencia sobre os límites ecolóxicos do planeta; na loita contra calquera caste de discriminación; na permanente fiscalización por parte da cidadanía dos elixidos e elixidas e en que a orientación das políticas, en todos os ámbitos, deberá sempre estar presidida pola defensa do benestar das maiorías sociais e a defensa das minorías oprimidas, en definitiva, na procura do ben común.

CONSIDERAMOS:

1o.- Que os principios inspiradores do nacionalismo galego contemporáneo, expresión política do galeguismo, na medida en que recollen obxectivos estratéxicos non acadados, están máis vixentes que nunca; mais hoxe deben ser interpretados baixo o prisma dun cambio de sistema e das ideas indicadas, dentro dunha pluralidade de experiencias, para acadar un modelo propio e acaído á nosa realidade.

2o.- Que as mudanzas na estrutura social galega producidas nas últimas décadas seguen a esixírmonos que, dende a pluralidade, sexamos quen de acoller as diversas lecturas do proxecto común de liberación nacional e social.

3o.- Que a conquista da soberanía política da nosa nación segue a ser un obxectivo estratéxico que debe incorporar novas dimensións da soberanía como a soberanía alimentar, a soberanía enerxética, a soberanía cultural e o exercicio real da soberanía popular.

4.- Que o proceso de construción nacional en base a un modelo de acción horizontal e colectivo cara un modelo social ao servizo dos intereses populares, é a nosa achega á loita por un cambio mundial de sistema; a concreción da expresión “pensar globalmente, actuar localmente”. Galiza é o noso marco de acción porque cremos na capacidade e necesidade de autoorganización política; ao tempo, acreditamos na cooperación entre os pobos e entre as persoas do mundo.

5.- Que a loita a prol das maiorías sociais agredidas polo sistema precisa de novas formas organizativas dentro da tradición política e cultural dunha esquerda inclusiva na que teñan cabida non só as clásicas culturas da esquerda senón tamén as lecturas realizadas á luz do ecoloxismo, o feminismo, o anticonsumismo e o antiautoritarismo.


6.- Que estamos ante a fin dun ciclo histórico tanto a nivel mundial como europeo tras catro
décadas de imposición de políticas económicas contrarias ás maioría sociais, que desmantelaron o modelo do estado do benestar e provocaron a maior crise económica, social e política do capitalismo.

7. - Que esta fin de ciclo se manifesta tamén no Estado Español no esgotamento do modelo político denominado “da Transición”, manifestado na gravidade da crise económica, no descrédito da forma monárquica, da subordinación á Igrexa Católica, e da defensa dos intereses oligárquicos que o Estado ampara nos eidos da Política, a Economía, a Xustiza, etc.
O “Estado das Autonomías” resulta manifestamente incapaz de acoller a realidade plurinacional para a que cada vez máis constitúe unha pexa aferrolladora.

9.- Que dende o pensamento dunha esquerda plural e inclusiva e dende a reivindicación da
nación dos galegos e galegas cumpre formular modelos alternativos que superen tanto o actual
sistema económico como o modelo de organización xurídico-política do estado.

10. - Que a actual crise afecta a todos os ámbitos da vida por estar motivada principalmente por unha crise de recursos enerxéticos, nomeadamente o petróleo, tal e como recoñece a Axencia Internacional da Enerxía. A sociedade occidental vertebrouse nos últimos cento cincuenta anos coa realidade de poder consumir cada vez máis enerxía, mais daquí en diante a realidade é que vai haber cada vez menos recursos enerxéticos non renovábeis, polo tanto a nosa organización vertebrará as súas propostas de futuro na aceptación desta realidade cara unha Galiza post-petróleo.

11. - O galego é a lingua propia da nación galega; apostamos pola súa defensa e promoción até acadar o monolingüismo social e saír da situación de marxinalización, minorización e diglosia que vivimos actualmente.  Isto debe ser asumido dende os múltiples ámbitos institucionais, lembrando que é a Xunta de Galiza a entidade que estatutariamente ten a obriga de promocionala e defendela eficazmente.
Esta estratexia de acción abordaráse dende unha óptica construtiva e integradora, sen discriminar as distintas sensibilidades que concorren no uso escrito e falado da nosa lingua común, e levando a cabo, entre outras estratexias, un reachegamento ao mundo da lusofonía.

É iso que, recollendo o expresado pola Coordinadora de Asembleas reunidas, en réxime de
autoconvocatoria, en Teo o pasado 2 de xuño de 2012

CONSTITUÍMONOS:
nunha organización de carácter asembleario, aberto e plural, de integración individual, organización territorial e en rede, con vocación de continuidade na acción social, de carácter nacionalista, expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma
COINCIDINDO nos seguintes principios:

 Galiza é unha nación.

 Democracia participativa.

 Modelo social en defensa dos intereses populares.

 Auto-organización.

 Antiimperialismo e Paz Mundial.

 Feminismo e antipatriarcado.

 Igualitarismo.

 Loita contra todo tipo de discriminación.

 Sustentabilidade ecolóxica e social.

 Defensa da nosa lingua, extensa e útil.

 Defensa dos dereitos relativos á cultura popular dixital.

 Laicismo.

 Republicanismo.


Principios ético-políticos:

A ética na política. Sen ética non hai democracia, e na esquerda, ética de esquerdas.
O feito de partirmos de asembleas locais soberanas que se confederan fai imprescindíbel que asembleas e persoas nos recoñezamos nuns principios ético-políticos partillados e estabelezamos mecanismos que garantan o seu cumprimento.
A honradez e transparencia son esixencias inescusábeis para as persoas que integren a organización, tanto a nivel persoal como organizativo, nomeadamente no exercicio do poder delegado nas institucións.
O órgano encargado de velar polo cumprimento dos principios ético-políticos será a COMISIÓN
ÉTICA E DE GARANTÍAS definida nos ESTATUTOS que no referido aos principios éticos terá
capacidade para o caso de violacións graves, adoptar medidas cautelares que poden incluír a separación de asembleas e/ou persoas da organización.

Principios que deben ser respectados, defendidos e practicados polas persoas integrantes do novo referente político:

1. Autodeterminación cara a independencia. Só o combate pola nosa autodeterminación como pobo, orientada cara a independencia, poderá chegar a algures, só esa actitude suscitará respecto cara nós e os nosos dereitos cívico-políticos. Cómpre elevarmos o nivel da nosa pacífica e cívica protesta chegando alén das posicións que defenden o actual marco xurídico-político para acadarmos unha solución satisfactoria da nosa reivindicación nacional.

2. Fraternidade entendida como democracia horizontal o que na organización política ven significar asemblearismo.

3. Cooperación, como valor antitético da competición. Afirmamos que sen cooperación nin sequera pode haber democracia. Non hai esquerda que poida sobrevivir coa competición no seu seo.

4. República. Asumimos a república como cultura civico-política e non só como réxime político
formal.

5. Democracia participativa. Sen participación non é posíbel a democracia.
Sen participación a democracia representativa esclerotízase e deriva en oligarquía, os partidos convértense en “aparatos” e as cámaras de representantes en parodias. Propugnamos reconstruír pontes entre a cidadanía e a instancia política, cos seus piares no tecido asociativo horizontal e diverso da cidadanía.

6. Primacía dos dereitos colectivos. Porque a alternativa á asunción deste valor non é outra que o individualismo a negación mesma da organización social.

7. Igualitarismo. Este valor está proclamado en todas as constitucións políticas e cartas de dereitos fundamentais de todos os estados e institucións internacionais. Sen embargo a desigualdade agrávase, convertendo en papel mollado estas proclamas. Referímonos especialmente á desigualdade perante a lei -e non só as desigualdades económicas, sociais e culturais- é dicir, ao principio democrático da “igualdade perante a lei. Ao tempo proclamamos que non pode existir igualdade sen dereito á diferencia e respecto da diversidade.

8. Toma de conciencia das situacións de discriminación por razóns de xénero e realización de accións encamiñadas a superalas: non pode haber igualdade ante a lei senón hai tamén igualdade real entre os individuos dunha sociedade.

9. Vía política, democrática e pacífica. A acción das asembleas e de todas as persoas que integran a organización exercerase a través da vía política, democrática e pacífica por ser o camiño da razón e do convencemento o único vieiro polo o que a maioría social pode acadar a hexemonía imprescindible para as necesarias transformacións.

10. Socialización. Non pode haber democracia real e efectiva sen socialización como eixo do avance histórico dos pobos. A socialización é un proceso constante de aprendizaxe da  convivencia, en interacción co seu contorno.

11. Laicidade. As crenzas relixiosas e a súa lexítima práctica deben estar totalmente separadas do aparato do Estado a todos os niveis. Só así se garantirá a independencia deste e a igualdade real de crenzas entre os cidadáns.

12. Un novo activismo político, libre de ataduras persoais, democrático e con respecto pola compañeira ou compañeiro que pensa diferente, con dereito a falar, a debater , a expresarse, sen sufrir censura, nin agresión verbal. Un movemento político. Non abonda con formular propostas e respostas alternativas ao sistema político imperante, é preciso xerar redes e relacións sociais coherentes coas respostas que estamos a propor. Un movemento verdadeiramente transformador e emancipador que debe anticiparse ás institucións políticas convencionais, xerando, apoiando e asesorando proxectos emancipadores e alternativos ao sistema actual.

12. Os pactos pre e post electorais serán tomados e ratificados polo conxunto da militancia do ámbito de aplicación do mesmo e estarán en consonancia coa liña política que teña definido a organización.

Para que nos organizamos?

Para sermos suxeitos dunha democracia viva, directa e participativa, actores comprometidos nos asuntos da res publica, traballadores/as en rede plural e diversa das organizacións e movementos que laboran en toda a parte por un mundo e unha sociedade máis xustos e mellores, galegos e galegas que queremos vivir nunha Terra definitivamente libre, soberana, próspera e en paz.
A indignación cívica expresada nos diversos movementos xurdidos en 2011 non só serviu para pór de manifesto a existencia desa corrente de desafección, senón que actuou asemade como elemento aglutinador dun conxunto de novas propostas e ideas alternativas, fixo visíbel a crítica e o malestar social reinantes, posibilitou a superación do estado de inacción anterior e puxo en marcha un novo tempo político, cargado de esperanzas, en que a principal arela é que a voz e o poder da cidadanía volva estar colocado no lugar que democraticamente lle corresponde.
Por iso, acreditamos na necesidade de crearmos e dotármonos dunha nova ferramenta política que, tendo como parámetros fundamentais o asemblearismo participativo, o pluralismo, a defensa da Terra e o traballo a prol dos intereses das maiorías sociais, reivindique como elementos esenciais:

a) A política como mecanismo lexítimo de poder, imprescindíbel para coutar os outros poderes,
nomeadamente o económico-especulativo da plutocracia financeira, que nos últimos decenios someteu aos seus intereses aos poderes públicos e arrastrou a toda a sociedade a unha crise e a unha depresión sen precedentes, especialmente grave en países sen soberanía política como o galego.

b) A radicalidade democrática e a ética da acción política, aumentando o poder de decisión da sociedade e practicando a transparencia, nomeadamente nas decisións económicas.

c) A mudanza dos valores actualmente hexemónicos na sociedade, que están na base do sistema actualmente en crise (egoísmo, insolidariedade social, afán de lucro, competitividade extrema, explotación...), promovendo outros alternativos de xustiza, equidade, solidariedade, fraternidade, benestar colectivo e defensa dos bens comúns (patrimonio público).
Asemade, en relación colaborativa e dialogada cos movementos sociais, con respecto mutuo aos seus ámbitos de decisión e a súa autonomía, a nova organización traballará con eles a prol dunha Galiza e dun mundo ecoloxicamente sustentábel e combaterá todas as formas de inxustiza e exclusión social que se produzan, por razón de xénero, raza, cultura, condición, clase, orientación sexual, saúde ou idade.
Practicará e promoverá, igualmente, unha cultura cívica radicalmente democrática de participación e transparencia na acción política aceptándose as seguintes achegas das asembleas constituídas (...)

PROPOSTAS PROGRAMÁTICAS

Contra o espolio

1. Auditoría da débeda pública que en boa medida é ilexítima, compromiso de non aportar fondos públicos para viabilizar entidades bancarias, e esixir responsabilidades penais aos xestores destas entidades. Constitución dun sector financeiro público ao servizo da cidadanía galega e apostar pola reversión das caixas de aforro á súa natureza orixinal de entidades non capitalistas de economía social.

2. Reversión ao dominio público das concesión feitas ao sector privado en materia de infraestruturas, recursos, bens e servizos estratéxicos que poidan ser interpretados como de interese público ou común.

3. Regulación pública vía taxación dos mercados, intermediarios, fluxos financeiros e movementos de capitais, con especial rigor no tocante ás operacións especulativas.

4. Control democrático da política monetaria hoxe nas mans dos “técnicos” do BCE.

Defensa do noso

5. Recoñecemos o determinante papel da diáspora galega, nos momentos máis negros da nosas historia, na defensa da nosa identidade como pobo e por xustiza e equidade comprometémonos a garantir os seus dereitos cidadáns en pe de igualdade coa cidadanía residente no noso País.

6. Defensa activa contra a desaparición da identidade galega, contra o exterminio planificado da nosa lingua, o deterioro da nosa paisaxe, o abandono do noso patrimonio cultural e a deturpación da nosa historia.

7. Defensa do ámbito informativo galego con medios de comunicación non sometidos aos poderes políticos e económicos.

8. Soberanía alimentaria e enerxética. Sustentabilidade ecolóxica e social.

9. Ordenación territorial e urbanística con criterios sociais e ecolóxicos, buscando o reequilibrio territorial, recuperando as formas de poboamento tradicionais e humanizando os núcleos urbanos.

10. Eliminación dos privilexios que en materia económica goza a Igrexa Católica ou calquera trato de favor a calquera outra que se poida dar no futuro.

Igualdade e dereitos sociais

11. Reivindicamos o establecemento e fortalecemento dun Marco Galego de Relacións Laborais que desenrole e potencie a Negociación Colectiva, a solución de conflictos, a Formación Profesional, a contratación e a participación sindical nas empresas, garantindo: a estabilidade e seguridade no emprego, a redución da xornada laboral, a cobertura do paro e das xubilacións, a participación equitativa da forza de traballo no valor engadido e o incremento sustentábel da produtividade. Derrogación das sucesivas reformas laborais que vaian en deterioro dos dereitos laborais.
Democratización da empresa regulando a participación das persoas traballadoras na súa dirección e xestión.

12. Implantación dunha renda social básica, de carácter universal, que garanta a subsistencia cun mínimo de dignidade.

13. Igualdade real de homes e mulleres no eido laboral, medidas para a erradicación violencia machista,
respecto aos dereitos da sexuais e reprodutivos. Igualdade real de mulleres e homes en todos os eidos (laboral, económico, social, ...) Establecemento efectivo de medidas de erradicación da violencia machista e de xénero. Respecto aos dereitos sexuais e reprodutivos das persoas.

14. Defensa do dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo. Defensa do dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo. Defensa do aborto libre, público e gratuíto. 
Eliminación da obxección de conciencia na sanidade pública.

15. Garantir os dereitos da comunidade gay, lesbiana e transexual.

16. Defensa innegociable dos servizos sociais públicos, nomeadamente dunha sanidade e dun ensino gratuítos, públicos, universais e de calidade.

17. Medidas para regularizar a situación das persoas migrantes e para garantir a plena igualdade de dereitos co resto da poboación.

18. Combate contra a profesionalización da política institucional e rexeitamento da súa centralidade noe espectro da loita política. Neste sentido, os nosos representantes institucionais han predicar co exemplo da súa conducta mediante o cumprimento dos seguintes tres puntos:

a) Cada cargo electo, antes de tomar posesión (acto no que o xuramento ou a promesa será sempre por imperativo legal, en coherencia cos principios constituíntes) asinará a súa propia renuncia e entregaralla ao seu órgano xeral (executivo, nacional...), que a poderá facer efectiva en caso de que o electo contradiga ou actúe de xeito contrario aos principios estabelecidos.

b) Os nosos representantes institucionais, de recibiren un soldo polas súas funcións políticas, só cobrarán o salario medio, o do concello que for se é un posto municipal e o medio galego de se tratar de calquera outro. O excedente do que perciban hase destinar a calquera axente que contribúa ao benestar social do pobo galego e ao avance na liberación nacional: centros e comedores sociais, asociacións, equipas de normalización... e que en todo caso ha determinar a Coordinadora Nacional.

c) Renuncia pública e por escrito a todo privilexio do que puideren ser beneficiarios como representantes públicos unha vez que expirou o seu labor: pensións, complementos, beneficios fiscais, preferencias en servizos públicos... 

Solidariedade económica e desenvolvemento

19. Reforma tributaria para sobre os tramos elevados restablecer de unha ingresos fiscalidade  rogresiva, nomeadamente e patrimonios privados, a prol dunha indispensábel política redistributiva de benestar social, encamiñada a garantir as condicións materiais da liberdade.

20. Peche de paraísos fiscais e rexeitamento de medidas de amnistía fiscal.
Rebelión cívica contra as medidas de organismos non democráticos como os Institutos Financeiros Internacionais (por exemplo BCE, BM, FMI etc.).

21. Políticas de defensa do sector labrego, revitalizando as pequenas e medianas explotacións, garantía de prezos xustos, apostando pola recuperación dos ecosistemas agrarios e a sustentabilidade económica, impulsando a ordenación do territorio e a fixación de poboación no medio rural. Políticas análogas para o mundo mariñeiro e a beiramar.

22. Políticas de promoción e equidade económica, fiscal e social para as formas de traballo autónomo e de pequenas empresas, con fincapé nas formas cooperativas e de economía social.

23. Ordenación do sector comercial a prol da revitalización racionalizada do pequeno e mediano comercio fronte ao grande capital comercial, impulsando a necesaria reforma do marco normativo do sector.

Sem comentários:

Enviar um comentário